8 DE MARZO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
Este
día específico dedicado ás mulleres traballadoras débese a un tráxico suceso
que aconteceu nos Estados Unidos, no ano 1857. O día 8 de marzo dese ano, as
mulleres que traballaban nunha fábrica téxtil de Nova York, resolveron parar de
traballar como protesta ás súas precarias condicións de traballo. Esa era a
primeira vez que as mulleres se unían para reivindicar melloras laborais e,
polo tanto, os seus dereitos.
Elas pedían a redución do horario de traballo diario, que era de 16 horas, a 10
horas diarias. Ademais, por traballar esas horas, elas percibían apenas un
terzo do soldo que recibían os homes. Pero a rebelión foi contida de forma
violenta, culminando coa morte de 129 traballadoras, carbonizadas dentro da
fábrica. Anos
despois, en 1910, durante unha conferencia internacional das mulleres realizada
en Dinamarca, xurdiu a idea de crear unha data específica para homenaxear as traballadoras mortas na fábrica téxtil. E así foi como en
1975, a Asemblea Xeral da Organización de Nacións Unidas (ONU) decidiu decretar o 8 de marzo como
Día Internacional da Muller Traballadora.
O valor da muller traballadora na sociedade
Os pasos cara ao recoñecemento da muller no ámbito laboral son lentos, pero
avanzan. Dende que naceu a necesidade de establecer valores femininos dentro da
sociedade, o papel da muller creceu, aínda que lentamente, en todos os
sentidos. A muller actual faise respectar, valorar e ocupa xa espazos na
sociedade antes inimaxinables. Pero aínda que a muller subise chanzos cada vez
máis altos, aínda segue sendo perseguida pola discriminación, polo machismo e,
por se iso fose pouco, a muller é aínda
vítima de agresións sexuais e da violencia de xénero.
En India, as mulleres aínda son moeda de cambio en transaccións familiares e,
en Beijing, a ONU
estableceu dende 1995, un compromiso de loita pola igualdade de oportunidades
entre mulleres e homes. Trátase dun marco para poñer fin á discriminación da
muller, en sectores como a saúde, a educación, o emprego, a participación
política e os dereitos humanos. Algo se conseguiu, pero o debate aínda continúa
e parece que é interminable.
Parabéns a todas as mulleres que
seguen loitando polos seus dereitos. Animámosvos a que sigades crendo nos vosos propios valores e no dereito
de liberdade que TODOS temos.