Os nenos de Ponteareas falan en directo con Papá Noel
Os escolares de Ponteareas mantiveron hoxe unha charla, en rigoroso directo a través de video conferencia con Papa Noel. Os nenos e nenas de Ponteareas puideron, xunto con nenos doutros concellos galegos, pedirlle directamente os seus agasallos para estas festas de nadal.
A videoconferencia e a comunicación en tempo real uniu Laponia, terra natal de Papá Noel e onde, como todo o mundo sabe, ten a súa fábrica de xoguetes, coa rede de aulas de comunicación multimedia dispersa pola xeografía galega entre elas a que se atopa no Centro de Desenvolvemento Local de Ponteareas.
Os nenos e nenas de Ponteareas gozaron desta charla directa con Papá Noel ao mesmo tempo que outros nenos doutros concellos galegos, feito que a videoconferencia fai posible.
O obxectivo desta actividade promovida pola rede CeMIT, era o de establecer unha comunicación fluída e cara a cara entre Papá Noel e os nenos destas comarcas, poucos días antes da Noiteboa, cando se atendan as peticións de agasallos de todos os nenos do mundo. Este é o quinto ano consecutivo que se desenvolve esta iniciativa que conta cunha grande aceptación entre os nenos e nenas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario